Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘Actos’ Category

Concepción Arenal morreu en Vigo o 4 de febreiro de 1893 e está enterrada en Pereiró, onde un monumento a recorda xusto ao entrar no cemiterio aínda que seguramente pouca xente reparará nel. Os camposantos son así, agochan auténticos tesouros escondidos á vista de todo o mundo. Cada ano a asociación de mulleres Diálogos 90 rende unha homenaxe á pensadora que consiste na lectura dalgúns dos seus textos por parte da concelleira de igualdade do concello de Vigo e unha ofrenda floral ao pé do monumento e remata co himno galego. Logo, xa no pazo de Castrelos, a asociación entrega aos premios ás Galegas Destacadas.

Durante catro anos correspondeume a honra de realizar a lectura dos textos de Concepción Arenal o que me deu a oportunidade de achegarme á autora cun especial interese, cunha lectura diferente. Descubrín unha fonte infinita de reflexións extremadamente agudas e avanzadas sobre moitísimos temas diferentes cunha convicción profunda na defensa da xustiza e dos dereitos das persoas máis desfavorecidas, fose pola razón que fose. Tratada pola historia con infinito desprezo e desconsideración obviana, invisibilízana como a pioneira da socioloxía no estado español, como unha economista e unha xurista brillante e redúcena á muller caritativa que axudou a mellorar as condicións de vida nos cárceres. Unha historia coñecida, vaia. Pero o certo é que cada ano me deu oportunidade para falar, coas súas propias palabras, non coas miñas, de distintas cuestións de absoluta actualidade en cada momento, nada máis e nada menos que pasado máis dun século. No ano do plan FEIL, o Fondo Estatal de Investimento Local (coñecido como plan E) lin un texto que falaba da obra pública como creadora de emprego (aínda que vendo os datos do paro na cidade dubido moito que poñer losetas nas rúas axudara moito), en pleno proceso de fusión das caixas galegas escoitamos as súas reflexións sobre a necesidade de caixas públicas que ofreceran recursos ás persoas con máis dificultades e logo da desaparición do Ministerio de Igualdade e do Servizo Galego de Igualdade, medidas que só eran un anticipio do que había de vir, soubemos qué era para ela a igualdade e descubrimos que hai 119 anos podíase ser moito máis avanzada que os que actualmente nos gobernan. Este ano xa non me tocou a min ser a voz que lía os seus textos pero asistín emocionada ao acto e moi contenta de ver de novo ao seu bisneto, que tan amable foi sempre comigo, e non puiden evitar chegar á casa e afundirme de novo na súa magnífica escrita para enchouparme de tanta honestidade, de tanta enerxía, de tanta verdade expresada con enorme talento e valentía. Unha vez máis atopei un texto que parece escrito logo de ver a prensa destas últimas semanas, o capítulo IV da segunda parte da súa obra A igualdade social e política e as súas relacións coa liberdade que se titula “A igualdade perante a lei, é a igualdade perante a xustiza?” e di, nin máis nin menos, que a igualdade perante a lei é mentira. Esta obra foi publicada en 1898, como diría Mafalda, desde aquela canto cambiaron os medios e que pouco as intencións.

Como fixen os catro anos anteriores, traducín o texto a galego e aquí o comparto, é a miña homenaxe deste ano aínda que creo que isto xa é máis ben un vicio:

A igualdade perante a lei, é igualdade perante a xustiza?

Hai na nosa época unha deplorable tendencia a converter a aritmética en ciencia social, a tomar os homes como cantidades, e facer con eles operacións de adición e de resta, o cal non só conduce ao erro, senón que o consagra dándolle un aire de verdade matematicamente demostrada. Os partidarios máis acérrimos da igualdade sancionan ás veces ás máis inxustas desigualdades, porque, arrastrados do espírito de século, substitúen a aritmética á lóxica.

Igualdade perante a lei.- Que significa esta frase? Que non hai ningún privilexiado; é dicir, que legalmente non se pode evitar ningún castigo, acadar ningunha recompensa, nin obter avantaxe algunha en virtude do nacemento nin da posición social. Esta é a teoría.

Notaremos primeiro que non hai, como algúns din, cousas moi boas en teoría e moi malas na práctica, porque é un contrasentido soster como bo o que é impracticable, ou o que practicado fai mal. A ignorancia ten maligna propensión a rebaixar o valor das fórmulas científicas e facer á verdade responsable das consecuencias do erro que se disfrazou co seu nome: así, pois, un mal na práctica, supón un erro na teoría.

Sería preciso escribir un tratado completo de lexislación para ver en que se converte practicamente o principio de igualdade ante a lei. Isto non é posible, nin é preciso tampouco, porque sendo o noso obxecto sentar principios xerais, bastaranos tomar unha lei, e demostrada nela a causa do erro, doado nos será por analoxía xulgar as leis todas. Examinaremos a lei de reemprazo para o servizo militar.

Non hai moitos anos eximíanse deste servizo os nobres; veñen os partidarios da igualdade, e berran: “Inxustiza! Como! Porque esa muller naceu duquesa poderá ter os seus fillos ao seu carón, e porque a outra naceu pobre arrincaránllos, a ela que lle fan máis falla! Convense en que as contribucións deben pagalas todas as clases, e esa que apenas o hábito pode facer que se nomee sen horror, esa que se chama contribución de sangue, pagaráa unha clase soa! Sendo principio de equidade recoñecida que cada un contribúa ao sostemento das cargas do Estado segundo os bens que ten que conservar nel, o que posúe pouco, o que tal vez non posúe nada, ofrece a súa vida para conservar a orde e defender a patria, e o que posúen os que están eximidos de defendela! Inxustiza! Iniquidade! Abaixo o privilexio! Igualdade perante a lei!”

A igualdade estabelécese; todos nacen soldados, o duque e o proletario; a sorte decide logo o que debe tomar as armas. Mirade as listas: o Excmo. Sr. Duque de N., ao lado de Pedro Fernández; isto xa é outra cousa; finalmente as leis empezan a ser xustas; ante elas todos somos iguais. Do servizo militar pode un eximirse por cartos; todos teñen dereito a mercar a súa licenza absoluta por 8.000 reais, o mesmo o Duque de N., que Pedro Fernández. O mesmo? Pero se Pedro Fernández non ten 8.000 reais, se non pode telos! Se a lei o sabe, e parte deste coñecemento, porque se todos puideran eximirse non habería exército! Entón, que se fixo da igualdade perante a lei? Que se fixo? Quedou reducida a un cambio de nome. A desigualdade de antes estaba escrita nun pergameo e se chamaba executoria, e a de agora está escrita nun papel e se chama billete de banco. Pois, pagaba a pena de verquer tanto sangue e facer tanto ruído para chegar a este resultado!

Pero son moitos máis os que logran eximirse polo novo método, e é xa unha avantaxe, e grande, porque os bens mídense polo número de persoas que poden participar deles. É verdade; o número dos que se eximen é maior que era; pero a lei conta con isto, e chama ás armas 27.000 homes, por exemplo, no canto de 25.000, contando con que 2.000 se redimirán; é dicir, que o número dos privilexiados aumenta, e diminúe o dos que deben pagar a contribución de sangue; e non sendo menor o cupo, claro está que lles ha de tocar a máis. É dicir, que en nome da igualdade faise que a máis terrible das desigualdades pese sobre o pobo máis que pesaba.

Supoñamos que para estabelecer a igualdade verdadeiramente dicimos: -”Non se admite máis exención que a incapacidade física; o Duque de N. e Pedro Fernández serán soldados, sen poder presentar no seu lugar billetes de banco, nin homes comprados: agora si que se estabelece a igualdade verdadeira, a verdadeira xustiza.”

Pedro Fernández ponse o seu uniforme de paño non máis ordinario do que adoita gastar; toma o fúsil, cuxo peso non lle agobia, porque está afeito a traballos materiais; dorme nunha cama que non é peor que a súa; marcha sen esforzo a paso redobrado. O Duque non pode sufrir o roce daquel paño tan basto; o peso do fusil abrúmao, e é imposible que el durma naquela cama, nin que ande a pé tan rápido, el que non ten costume de andar senón en coche ou a cabalo. O que Pedro fai sen esforzo, a el cáusalle unha fatiga abrumadora; custaralle a vida, porque nunha marcha, un día de moito frío ou de moita calor, sucumbirá. Velaquí outro caso no que en nome da igualdade bótanse sobre dúas clases pesos desiguais. Cal é a orixe do mal? O mal está no erro de que ao estabelecer a igualdade perante a lei pártese do principio de que os homes son iguais e se atopan nas mesmas circunstancias, e como isto non é verdade, a igualdade perante a lei é mentira.

Que facer? Non é este o lugar de indicalo. O noso asunto ten unha especie de forza centrífuga que tende a lanzarnos fóra; pero combatiremos esta tendencia pechándonos nel. Cremos ter dito bastante, para probar que a igualdade perante a lei, como xeralmente se entende, e a igualdade perante a xustiza, non son unha mesma cousa.

Read Full Post »

Con Carlos Aymerich, voceiro no Parlamento de Galiza

O pasado luns tiven a honra de presentar a Carlos Aymerich na conferencia que deu no edificio do Areal, no antigo reitorado, como o coñecemos todo o mundo. Viña falarnos das accións de goberno da Xunta de Galiza nestes dous anos e, como sempre, foi un gusto escoitalo. Quen tivera a oportunidade de ver a súa intervención no debate do estado da nación pode imaxinalo pois o seu discurso foi brillante, quen non, sempre pode facelo na canle de televisión do Parlamento de Galiza, recoméndovolo. Houbo unha cousa que quedou clara, non pode haber máis distancia entre o que se di e o que se fai que no caso do goberno do Partido Popular. Creo que esa é xa a súa marca de fábrica. Aquí en Galiza, como no resto do país, contan unha cousa e fan exactamente a contraria, cun cinismo asombroso.

Gustaríame amosar dous exemplos de como en entrevistas de corte persoal realizadas a persoeiros do Partido Popular parecen desexar para si mesmos o que logo non promoven para o resto do mundo.

O primeiro exemplo é a entrevista publicada en Mujer Hoy a María Dolores Cospedal a semana pasada. Á pregunta de que faría o PP no eido da conciliación se chegase ao goberno contesta “Hay que hacer un plan de conciliación en materia de horarios importantísimo a medio plazo, eso no se hace de un día para otro. Creo que la conciliación es la mayor mentira del siglo XXI. No es verdad que puedas conciliar, yo hoy no puedo hacerlo.” Por que razón entón o PP votou en contra dunha proposición de lei de fomento da corresponsabilidade presentado polo BNG no Parlamento galego? Á pregunta de como leva o seu fillo as súas ausencias responde “No lo lleva mal, es pequeño, pero intento que me vea a diario.” Como encaixa esa forma de criar co proxecto de lei de familia do goberno da Xunta que para as mulleres que non teñen os seus medios non contempla apoio ningún para facerse cargo da súa familia? Soa, claro, porque a corresponsabilidade segue a ser un obxectivo secundario. A entrevista non ten desperdicio, chea de contradicións inevitables cando predicas pero non das trigo. Quédannos moitos manifestos e moitas mobilizacións por diante…

O segundo exemplo é o do asesor mozo pero sobradamente preparado Javier Dorado, publicada no Faro de Vigo esta fin de semana. A verdade é que se comenta por si soa, é breve e se lé do tirón, moi entretida: non critica o aborto, está a favor do matrimonio homosexual, fai botellón e o seguirá facendo… claro, é que as copas están moi caras.

Pois iso, como dicía a miña avoa que sempre lle dicía o cura “Fai o que eu digo e non o que eu fago”.


Read Full Post »

Quen nesta cidade non foi algún domingo ao mercado de Bouzas? Eu creo que todo o mundo, con máis ou menos asiduidade pasamos por alí. Onte a xente do BNG, as persoas que formamos parte da candidatura para as vindeiras eleccións municipais, quixemos ir tamén a explicarlle á Vila de Bouzas que proxecto de futuro temos para Vigo. Parecíanos que o lugar era ideal para un dos primeiros actos de precampaña que realizamos porque se pensamos en Vigo pensamos en mar e, fóra do Berbés, berce do Vigo mariñeiro, en ningún lugar da nosa cidade atopamos unha relación tan estreita co mar como en Bouzas. E aínda hoxe en día o respecto polas nosas tradicións, o orgullo da xente de Bouzas da súa forma de vida, fai que alí poidamos contemplar embarcacións tradicionais ou faluchos de xogo, embarcación típica do lugar, de maneira habitual, acompañadas, iso si, das canoas e kayaks dos nosos tempos.

Foi un auténtico pracer poder falar coa xente e contarlles que proxecto de cidade temos pero co aval do traballo feito xa: as humanizacións das rúas e da alameda, as subvencións para a restauración de fachadas, a adquisición da Casa do Patín (unha demanda histórica) para abrir unha biblioteca ao servizo de toda a cidadanía… queda moito por facer e nós temos moitas ganas. Mentres nos dirixíamos ás persoas que nos acompañaron, os meus fillos corrían pola praia, cando os fun buscar aproveitei para descalzarme e pisar por vez primeira neste ano a area. Foi difícil convencelos de que había que marchar á casa, creo que a paixón polo arrecendo a mar vai nos xenes…

Read Full Post »

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.