Feeds:
Artigos
Comentarios

Artigos etiquetado ‘BNG’

O venres pasado botei case todo o día no Vigosónico, a instalación municipal para a mocidade que construímos ao lado do Parque Tecnolóxico de Beade-Valadares. Alí xa están ensaiando os grupos de música da cidade pero tamén xa andan argallando todo tipo de actividades outros mozos e mozas das máis diversas asociacións da cidade, moi numerosas e heteroxéneas. Ata as 12 da noite houbo unha chea de cousas que facer e que ver e teño que recoñecer que acabei esgotada, porque eu son nova pero xa non tanto, aínda así, recargan de enerxía positiva. A xente moza é creativa e activa e ten que ter capacidade de decisión. Para iso teñen que ser cidadáns e cidadás de pleno dereito e contar coas ferramentas que lles permitan participar plenamente na nosa sociedade. Non nos podemos permitir o luxo de perder a xeración mellor formada da historia e que, paradoxicamente, ten máis dificultades que a xeración que os precedeu. El@s contan, espero oíl@s alto e claro.



Read Full Post »

Este xoves é o último xoves de mes e, como sempre, toda a cidadanía está convocada a participar na concentración contra a violencia de xénero que organiza a Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos de Vigo. Son un exemplo de autoorganización para ofrecer apoio e acompañamento ás mulleres vítimas do terrorismo machista, en todas as súas formas. Hoxe en día o seu labor chega máis aló, ofrecendo servizos de apoio psicolóxico, formación de mediadoras e, por suposto, mantendo o seu labor de denuncia e concienciación social. Ademais, nesta ocasión temos sesión dobre porque logo da concentración terá lugar a presentación da Festa da Palabra Silenciada, a publicación de Feministas Independentes Galegas e a Concellería de Igualdade dirixida por María Xosé Queizán. Todo isto no Marco, un lugar referente de denuncia contra os malos tratos na nosa cidade, ao lado do marcador dixital que nos lembra o número de mulleres mortas (segundo datos oficiais proporcionados pola Subdelegación do goberno) cada ano.

Daranse cita, xa que logo, a denuncia na rúa e a elaboración teórica do feminismo, a mobilización e a academia que, nalgúns momentos pareceron ir de costas unha a outra pero, a forza dos feitos demostra que a súa interrelación é imprescindible para reforzarse mutuamente e dar sentido ás súas propostas, ofrecendo maiores posibilidades de acadar obxectivos. O recoñecemento na outra, a unidade nas accións, a fortaleza dun movemento como o feminista, imprescindible para camiñar cara adiante na loita pola igualdade entre mulleres e homes, é máis preciso que nunca nun momento no que se cuestionan dereitos democráticos fundamentais das mulleres como cidadás libres. A igualdade non está conseguida, nada máis lonxe da realidade, e o feminismo segue a ser necesario. Se algo aprendín neste tempo de estreito contacto con mulleres que levan toda unha vida loitando polos nosos dereitos, polos de todas, é que o que se ten avanzado, os logros acadados, non caeron do ceo, son o resultado de moito traballo, moito esforzo e moito sacrificio que agora non pode perderse no baleiro posfeminista.

É recorrente a famosa frase “Temos avanzado moito pero aínda queda moito camiño por andar”, pois non perdamos de vista a senda e o destino, despois de tanto nadar non podemos afogar na beira. Somos moitas e moitos que o temos claro, fagamos oír as nosas voces.

Read Full Post »

Con Carlos Aymerich, voceiro no Parlamento de Galiza

O pasado luns tiven a honra de presentar a Carlos Aymerich na conferencia que deu no edificio do Areal, no antigo reitorado, como o coñecemos todo o mundo. Viña falarnos das accións de goberno da Xunta de Galiza nestes dous anos e, como sempre, foi un gusto escoitalo. Quen tivera a oportunidade de ver a súa intervención no debate do estado da nación pode imaxinalo pois o seu discurso foi brillante, quen non, sempre pode facelo na canle de televisión do Parlamento de Galiza, recoméndovolo. Houbo unha cousa que quedou clara, non pode haber máis distancia entre o que se di e o que se fai que no caso do goberno do Partido Popular. Creo que esa é xa a súa marca de fábrica. Aquí en Galiza, como no resto do país, contan unha cousa e fan exactamente a contraria, cun cinismo asombroso.

Gustaríame amosar dous exemplos de como en entrevistas de corte persoal realizadas a persoeiros do Partido Popular parecen desexar para si mesmos o que logo non promoven para o resto do mundo.

O primeiro exemplo é a entrevista publicada en Mujer Hoy a María Dolores Cospedal a semana pasada. Á pregunta de que faría o PP no eido da conciliación se chegase ao goberno contesta “Hay que hacer un plan de conciliación en materia de horarios importantísimo a medio plazo, eso no se hace de un día para otro. Creo que la conciliación es la mayor mentira del siglo XXI. No es verdad que puedas conciliar, yo hoy no puedo hacerlo.” Por que razón entón o PP votou en contra dunha proposición de lei de fomento da corresponsabilidade presentado polo BNG no Parlamento galego? Á pregunta de como leva o seu fillo as súas ausencias responde “No lo lleva mal, es pequeño, pero intento que me vea a diario.” Como encaixa esa forma de criar co proxecto de lei de familia do goberno da Xunta que para as mulleres que non teñen os seus medios non contempla apoio ningún para facerse cargo da súa familia? Soa, claro, porque a corresponsabilidade segue a ser un obxectivo secundario. A entrevista non ten desperdicio, chea de contradicións inevitables cando predicas pero non das trigo. Quédannos moitos manifestos e moitas mobilizacións por diante…

O segundo exemplo é o do asesor mozo pero sobradamente preparado Javier Dorado, publicada no Faro de Vigo esta fin de semana. A verdade é que se comenta por si soa, é breve e se lé do tirón, moi entretida: non critica o aborto, está a favor do matrimonio homosexual, fai botellón e o seguirá facendo… claro, é que as copas están moi caras.

Pois iso, como dicía a miña avoa que sempre lle dicía o cura “Fai o que eu digo e non o que eu fago”.


Read Full Post »

Quen nesta cidade non foi algún domingo ao mercado de Bouzas? Eu creo que todo o mundo, con máis ou menos asiduidade pasamos por alí. Onte a xente do BNG, as persoas que formamos parte da candidatura para as vindeiras eleccións municipais, quixemos ir tamén a explicarlle á Vila de Bouzas que proxecto de futuro temos para Vigo. Parecíanos que o lugar era ideal para un dos primeiros actos de precampaña que realizamos porque se pensamos en Vigo pensamos en mar e, fóra do Berbés, berce do Vigo mariñeiro, en ningún lugar da nosa cidade atopamos unha relación tan estreita co mar como en Bouzas. E aínda hoxe en día o respecto polas nosas tradicións, o orgullo da xente de Bouzas da súa forma de vida, fai que alí poidamos contemplar embarcacións tradicionais ou faluchos de xogo, embarcación típica do lugar, de maneira habitual, acompañadas, iso si, das canoas e kayaks dos nosos tempos.

Foi un auténtico pracer poder falar coa xente e contarlles que proxecto de cidade temos pero co aval do traballo feito xa: as humanizacións das rúas e da alameda, as subvencións para a restauración de fachadas, a adquisición da Casa do Patín (unha demanda histórica) para abrir unha biblioteca ao servizo de toda a cidadanía… queda moito por facer e nós temos moitas ganas. Mentres nos dirixíamos ás persoas que nos acompañaron, os meus fillos corrían pola praia, cando os fun buscar aproveitei para descalzarme e pisar por vez primeira neste ano a area. Foi difícil convencelos de que había que marchar á casa, creo que a paixón polo arrecendo a mar vai nos xenes…

Read Full Post »

Read Full Post »

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.