Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘trastorno de espectro autista’

O pasado mes de abril a Consellería de Sanidade comezou a repartir as tarxetas sanitarias “AA” ás persoas con trastorno do espectro autista. Ese dobre A significa Atención e Acompañamento e ten como fin que o persoal sanitario coñeza o trastorno das persoas que leven esa tarxeta para facilitar a súa accesibilidade, que poidan ser acompañados por outra persoa a realizar calquera tipo de proba e máis que se priorice a súa atención, sempre que sexa posible, para evitar esperas, insoportables para unha persoa con autismo. Claro que hai un problema, é que cando chegas cun neno con autismo á consulta do único neurólogo pediátrico do Xeral (para atender toda a área sanitaria de Vigo, si, un só) é bastante difícil que non haxa que esperar, porque a consulta está saturada (de moitos nenos con autismo, entre outros problemas), porque pode ter que ir atender unha urxencia… A prioridade neste caso non habería que estabelecela para o neno con autismo senón para o servizo de neuroloxía!. Con outros dos servizos que utilizan todos habitualmente a cousa está máis ou menos igual, un especialista para rehabilitación, unha para foniatría… e, por suposto, ningún tipo de equipo especializado. O que non sei é que imos facer dentro duns anos porque o índice de prevalencia deste trastorno aumenta dunha maneira incrible (agora calcúlase en 1/166 nenos, 1 nena por cada 4 nenos) e se agora a sanidade e a educación non dan conta do recado cando teñamos máis poboación nesta situación (e de todas as idades) non sei que vai pasar. Pero isto daría para un libro polo menos así que o vou deixar aquí porque do que estaba a falar era da tarxeta AA.

Todos os pais e nais solicitámola coincidindo no pouco valor que vai ter ao principio, mentres non sexa coñecida por todo o persoal sanitario e a falta de aumentar o coñecemento e sensibilización sobre este trastorno, pero dispostos e dispostas a asumir tamén a nosa parte do traballo e da responsabilidade neste cambio necesario para os nosos fillos. Por iso tiven que facer un esforzo enorme pero conseguín aguantar a risa (en serio que case solto unha gargallada) cando o pasado venres me chamaron de atención primaria á casa para avisarme de que xa chegara “la tarjeta de como es autista” e que se quería que a enviaran ao centro de saúde ou ía recollela alí. Custoume pero mantiven o tipo e lle dixen “a tarxeta dobre A?” e contestou, pareceume que un pouco avergonzada, “sí, esa”. Fun buscala e non me deu tempo a identificarme, en canto dixen que me chamaran para que fose recoller unha tarxeta AA xa contestaron “sí, sí, está aquí”, supoño que pola expresión utilizada e porque falaba en galego, algo que en Vigo facilita moito que te coñeza todo o mundo. En fin, que a sociedade aínda ten que evolucionar moito para ir adaptándose ás diferenzas e ás novas realidades e unha das ferramentas fundamentais é a linguaxe, saber como referirnos a esas persoas que, pola razón que sexa, non nos parecen iguais ca nós. Neste sentido os medios de comunicación xogan un papel fundamental e tampouco o están facendo nada ben (agora insultan aos autistas chamándoos políticos ou aos políticos chamándoos autistas, vaia familia a nosa!), así que seguiremos teimando.

Read Full Post »